Trampa para lobos en Viana: O Foxo de Picoto de Outeiro.
Idioma: gallego.
Información y texto por cortesía de Juan M. González Carballo.
O Foxo
do Lobo de Picoto do Outeiro (Viana do Bolo).
“Moitas veces ouvín decir que os lobos non
atacan ás persoas . E isto non é certo. O segredario de Caldas foi comido por
iles cando voltaba da feira de Viana”. Así escomenza un dos relatos da obra “Á lus do candil” (1953) de Anxel Fole.
É cada
vez máis frecuente en Galicia escoitar nos medios de comunicación noticias nas
que os gandeiros se queixan das perdas que sofren polo ataque dos lobos. Este
animal (Canis lupus, LINN) foi nos
climas temperados, e dende tempo inmemorial, un dos máis tenaces competidores
do home no aproveitamento dos recursos cinexéticos. Pero é coa aparición da
actividade gandeira cando se transforma de competidor en inimigo e como tal
será implacablemente perseguido polas comunidades rurais. Os animais domésticos
eran presa fácil para os depredadores e donde abundaban incorporáronse de xeito
preferente na súa dieta.
A presencia do lobo,
que comparte en Europa xunto co escaso oso pardo a cúspide da cadea trófica, é
frecuente na metade norte da Península Ibérica; e debeu selo aínda máis en
épocas pasadas malia a presión que as comunidades campesiñas exercían sobre o
medio natural. Adaptable por naturaleza ás diversas condicións climáticas e
orográficas, podémolo atopar aínda hoxe tanto nas estepas interiores como preto
da costa, si ben son as áreas montañosas o seu hábitat preferido.
De antigo noméase
tamén a presencia nos montes do norte de España de osos e do lobo (lovo) cerval ou cerbal que a xulgar polas descripcións
do seu tamaño debeu tratarse dun animal máis semellante ó lince boreal que ó
lince ibérico. Non obstante e a pesar do seu nome este gran gato non foi
obxecto de caza con foxos pois a súa axilidade e facilidade para saltar e
trepar facían imposible a captura con este método e por outra parte os ataques
ó gando menor eran ocasionais e non causaban máis dano que as grandes aguias ou
os raposos.

Entre os animais
“domésticos” que viven no monte somentes as mandas de cabalos e vacas en
liberdade conservan aínda o instinto defensivo e adoptan estratexias que fan
difícil para os lobos o ataque. Pero esto non ocurre coas cabras, os porcos e
moito menos coas ovellas, moi vulnerables se non contan coa protección de
pastores e mastís. O gran número de curros e cabanas de pastores que hai nas
serras amosan unha actividade gandeira moi desenvolvida e ó mesmo tempo a
necesidade de manter o gando menor protexido dos depredadores. Non obstante a
abundancia de “alimañas” debeu de chegar a facerse insoportable para os
gandeiros e foi necesario tomar medidas de control drásticas que condicionaran
de algún xeito a expansión das feras.
Xa a principios do
século XII instase dende a xerarquía eclesiástica no coñecido documento De lupis exagitandis (ca.1112) a que
todos os homes participen na persecución dos cánidos depredadores e a preparar
trampas (foxos) e sair a batir os animais dañinos tódolos sábados excepto entre
Pascua e Pentecostés (In unoquenque
sabbato... presbiterio milites rustici.....). Esta actividade volveuse
impulsar no século XV polo Arcebispo D. Berenguel de Landoira e continuou con
altos e baixos ata o século XX.
Non obstante é
difícil a día de hoxe datar as trampas de foxo nunha época concreta. As
construccións empregadas para a captura do lobo eran variadas na súa forma: funil,
espiral, alvariza, cruz... Tamén nos materias empregados para facelas eran
variados: pedra, madeira, redes…. Algunhas eran de tipo pasivo nas que o animal,
atraído por un reclamo (un cabrito polo xeral), entraba nunha estructura que
permitía o acceso pero non a saída. Outras eran trampas activas nas que se
necesitaba mover ós animáis, que asustados e desorientados polos batidores se
dirixían cara unha canexa sen saída donde eran capturados e mortos.
A existencia de
trampas para lobos debeu ser moi frecuente en Galicia a xulgar pola relativa
abundancia do termo “foxo” ou “foio” formando parte dos topónimos de numerosos
lugares do país. É ben certo que foxo non se refire exclusivamente ás trampas
para lobos pero a existencia de lugares cos evocadores nomes de Foxo do Lobo,
Foxo do Cabrito, Fuso do Can, Foilebar, Follobal, Foio Grande, Foio da Galga,
Corte dos Lobos, Couso dos Lobos etc... fan sospeitar da existencia de moitas
trampas destinadas á captura dos cánidos.
A trampa que nos
ocupa nesta ocasión está situada en terras de Viana do Bolo, parroquia de San
Andrés de Bembibre, preto do pobo de Ardexarxe, e resulta un dos modelos típicos
tanto na súa disposición en cruz e ubicación topográfica como na estructura constructiva.
Consta básicamente dun foxo que da nome ó conxunto no que converxen catro muros
de pedra formando unha aspa. O lugar está entre os altos de Picoto do Outeiro e
Cabeza dos Arnos. Como na maioría das ocasión nas que se da noticia do achado
dun “novo” ben patrimonial ou histórico trátase de unha estructura coñecida
polos veciños da zona dende tempo inmemorial que foi “redescuberta” de xeito
casual mentres revisábamos as estructuras de pedra que se atopan en gran
cantidade polos montes e montañas do interior de Ourense.
Como dixemos a
estructura conta cun foxo central duns 5 metros de ancho no que converxen catro muros
de pedra orientados cara o norte, o sur, o norleste e o suroeste. Estes catro
brazos teñen respectivamente 90, 88, 96 e 112 metros. A
construcción é semellante á que atopamos baixo o muro do encoro do río Cenza
preto de Chaguazoso (Vilariño de Conso) se ben esta última é máis regular pois
os brazos son cáseque perpendiculares e notablemente máis curtos e a súa
ubicación prantexouse nun lugar de chaira. Polo que respecta á trampa de Picoto
do Outeiro ocupa un paso de montaña a uns 1150 metros de altitude
e a súa pranta é menos regular con brazos máis longos e sinuosos.
A historia deste
tipo de trampas unha vez perdida a súa memoria, pasa en moitos casos pola
reconversión de uso ó formar parte das vedacións de propiedades, sufrindo
destruccións parciais e chegando a ser moi dificultosa a súa identificación. Non
obstante a trampa de Picoto de Outeiro malia estar en desuso dende hai moito tempo,
pois xa non se garda memoria nin entre os veciños máis vellos do seu emprego, é
perfectamente recoñecible entre o mato e ten o mérito de manter a memoria dunha
época na que a relación entre o medio natural e máis a actividade humana era
moito máis estreita e ás veces incluso máis conflictiva.
A técnica
de caza nestes lugares era sinxela (similar ás actuais batidas e monteirías) si
ben precisaba da concurrencia de moitos homes e de certa organización,
consistía en “batir” o terreo facendo ruido con voces e paus, levantando os
animais dos acobillos e dirixindos cara as trampas situadas en lugares
estratéxicos habitualmente pasos naturais. Cando os animais entraban na trampa e a medida que se
achegaban ós foxos as posibilidades de fuxida reducíanse, de xeito que unha vez
atrapadas entre os muros as feras somentes tiñan dúas alternativas: continuar
cara o foxo ou enfrentarse os batidores. A intelixencia dos cánidos facía que avanzasen pegados òs muros
buscando unha fenda para poder fuxir, fenda que naturalmente non existía pois a
reparación das trampas era continua. A altura dos muros de preto de dous metros
que ademáis adoitaban estar “capiados” con lousas ou con toxos bravos para
impedir que os animais subisen por eles facía moi improbable a fuxida. Unha vez nos foxos os lobos eran rematados
polos cazadores “profesionais”. As armas eran preferiblemente de asta, sendo o
“chuzo” (unha lanza curta con cruceta
para impedir que se clavase fondo) a “foucegata” (unha fouce aberta con
longo mango) e a “bisarma” (mestura de fouce e lanza) as máis empregadas, si
ben en non poucas ocasións se mataban con ferramentas de labor: forcas e sachos
ou simplemente a paus. A xeralización das armas de fogo non rematou co costume
de batirse co lobo a curta distancia sendo unha mostra de valor entre os homes.


Estas xornadas
cinexéticas adoitaban rematar coa exhibición dos animais polos pobos para
reclamar premio ou remuneración dos cazadores por parte dos veciños que así
recoñecian a destreza dos monteiros. Era común que nas comarcas gandeiras
existisen recompensas pola morte dun lobo ou pola captura dunha camada.
Actualmente as
medidas de protección dos espacios naturais xunto cunha estricta regulación
cinexética deixaron en desuso estos métodos ancestrais de control dos
depredadores. Non obstante a proliferación da fauna salvaxe nos últimos anos
con gravosas consecuencias para agricultores e gandeiros trae ó recordo outras
épocas nas que as trampas de lobos cumprían unha importante labor á comunidade.
Hoxe algunhas destas trampas foron recuperadas e reintegradas ás tradicións
populares como parte do patrimonio etnográfico e arqueolóxico de Galicia, si
ben outras moitas permanecen ocultas nas serras á espera, neste caso non de
feras senón de tarefas de divulgación e coñecemento.

A caza mediante a técnica
antes descrita é moi elemental e ten lonxanos e remotos antecedentes nos
coñecidos como kill–sites (“matadoiros”) empregados polos cazadores
paleolíticos, exemplos tradicionais moi citados son o lugar de Crôt du Charnier
(Francia) ou o controvertido de Torralba (España) que serían trampas de caída.
Outros exemplos moi coñecidos e moito máis recentes (s. XII-XIV) témolos nos
xacementos de Garnsey (Novo México), Boarding School en Montana (USA) e o de
Gull Lake en Saskatchewan (Canadá) .
As trampas con
valos e foxos parece que foron unha práctica cinexética frecuente entre os
cazadores prehistóricos e aínda a principios do século XX o militar e famoso explorador
ruso Vladímir Arséniev describe estructuras combinadas de valos de madeira e
foxos (ludevas) estratéxicamente
instaladas que acadaban ás veces varios kilómetros de extensión e empregadas
entre os cazadores siberianos.
Todas estas trampas
teñen en común o seu carácter aleatorio e pouco selectivo tanto nas especies
como na idade dos individuos cazados, pondo en entredito a suposta “conciencia
ecolóxica” dos cazadores no pasado.
Juan Manuel
González de Carballo
Arqueólogo