domingo, 17 de mayo de 2020

O Monte do San Verísmo en Villar de Rey.



O Monte do San Verísimo tivo ata o século XIX unha capela adicada ó santo que lle outorga o topónimo. Esta capela de pranta rectangular tiña ó redor un adro pechado. Na actualidade aínda se atopan restos do cachote de gneis que conformaba o aparello dos muros e tamén algunhas tellas do país moi fragmentadas.
Os Santos Verísmo, Máxima e Xulia foron tres irmáns martirizados en Lisboa o día 1 de Outubro do ano 304. Estas advocacións adoitan ser moi antigas datándose algunhas no século IX (Martirologio de Usuardo).
Este lugar é tamén un dos fitos divisorios entre as parroquias de Villar de Rey e Cenlle, xunto cun afloramento rochoso atopado no cortalumes  cara a parte de A Torre e do Coto da Forca cara o San Amaro. A Parroquia de Vilar de Rey alcanzaba o espacio que se podía ver dende o adro da igrexa parroquial, sendo o San Verísmo un dos lindes o se tratar dunha divisoria doadamente identificable. Hoxe o linde parroquial foi cambiado de xeito arbitrarío, aínda que se pode ver a rectificación “a man alzada” no Xurado Provincial de Montes que indica o territorio parroquial en toda a súa magnitude.
Este Monte do San Verísimo ten a particularidade de ser un dos puntos de triangulación empregados por Domingo Fontán entre 1817 e 1834 para a elaboración do seu mapa de Galicia impreso en 1845, que foi un dos primeiros mapas “exactos” dun extenso  territorio que se fixeron en España e aínda no mundo en aquela época.