domingo, 17 de mayo de 2020

O Monte do San Verísmo en Villar de Rey.



O Monte do San Verísimo tivo ata o século XIX unha capela adicada ó santo que lle outorga o topónimo. Esta capela de pranta rectangular tiña ó redor un adro pechado. Na actualidade aínda se atopan restos do cachote de gneis que conformaba o aparello dos muros e tamén algunhas tellas do país moi fragmentadas.
Os Santos Verísmo, Máxima e Xulia foron tres irmáns martirizados en Lisboa o día 1 de Outubro do ano 304. Estas advocacións adoitan ser moi antigas datándose algunhas no século IX (Martirologio de Usuardo).
Este lugar é tamén un dos fitos divisorios entre as parroquias de Villar de Rey e Cenlle, xunto cun afloramento rochoso atopado no cortalumes  cara a parte de A Torre e do Coto da Forca cara o San Amaro. A Parroquia de Vilar de Rey alcanzaba o espacio que se podía ver dende o adro da igrexa parroquial, sendo o San Verísmo un dos lindes o se tratar dunha divisoria doadamente identificable. Hoxe o linde parroquial foi cambiado de xeito arbitrarío, aínda que se pode ver a rectificación “a man alzada” no Xurado Provincial de Montes que indica o territorio parroquial en toda a súa magnitude.
Este Monte do San Verísimo ten a particularidade de ser un dos puntos de triangulación empregados por Domingo Fontán entre 1817 e 1834 para a elaboración do seu mapa de Galicia impreso en 1845, que foi un dos primeiros mapas “exactos” dun extenso  territorio que se fixeron en España e aínda no mundo en aquela época.

sábado, 16 de mayo de 2020

Doña Theresa Lorenzo de A Lama (Villar de Rey, Cenlle).

Dª Theresa Lorenzo e D. Joseph de Prado.  A Lama (Villar de Rey Cenlle).

Logo de rematar a Guerra de 1808 a situación do país era moi precaria pois todos os esforzos económicos se volcaron para acadar a victoria contra dos franceses. Era común polo tanto a aparición de "pobres de pedir" que percorrían os pobos en busca de limosna ou sustento. 

Entre as familias máis pudentes atopábanse filantropos que tentaban remediar en parte as carencias das persoas desvalidas. É o caso de Dª Theresa Lorenzo, casada con D. José de Prado, unha muller que tiña por devoción dar pousada ós pobres, dando ó seu cargo un enterro cristián ós que falecían na súa casa como se desprende nas partidas e notas do cura cara a 1818.

Juan M. González de Carballo (nota de D. Xosé Ricardo Rodríguez).

viernes, 15 de mayo de 2020

O Coto da Forca. A Corredoira, Cenlle.


Preto do linde entre os concellos de Cenlle e San Amaro está o chamado “Coto da Forca” (450m), un dos lugares de “xustiza” da Xurisdicción de Roucos (antigo Condado de Ribadavia) e actual límite parroquial entre Cenlle e Villar de Rey.  Eran estes espacios lugares donde se axusticiaba os reos logo de seren condeados polos tribunais mediante aforcamento, método empregado para as "xentes do común", como eran denominados os que non tiñan a condición de nobres. 


As forcas adoitaban ubicarse en lugares de tránsito, como é o caso e non lonxe das cadeas. Facíase así para que servisen de escarmento e exemplo para as xentes, aínda que fora dos núcleos habitados. As "forcas" como espacios de xustiza eran tamén coñecidas como "picotas", pero en realidade non son termos equivalentes.
Na Xurisdicción de Roucos a Casa da Audiencia situábase en San Amaro de Montes ata o século XIX. Ainda se pode ver hoxe o escudo dos Sarmiento (posto do revés) reaproveitado nunha casa fronte da farmacia de San Amaro.
Polo xeral as penas capitais eran moi pouco frecuentes, aplicadas principalmente sobre delitos de sangue ou persoas dañinas para a sociedade como salteadores de camiños ou partidas de bandidos.





Algunhas consideracións sobre o xacemento de A Cova da Moura en Cenlle.

Algunhas consideracións sobre o túnel de A Cova da Moura en Cenlle. 

 Situada entre Barbantes e Laias, no concello de Cenlle, A Cova da Moura é un tunel de orixe romano que acada os 36 metros de longo por uns 2m de altura e algo máis de 1 metro de ancho. Trátase dunha galería de trazado irregular que salva un sainte ou esporón granítico, material que compón o sustrato da área e que conforma un macizo de gran entidade que se desplega dende a beira do río Miño ata o alto do San Torcado, cumio que domina toda a zona e que está culminado polo castro do mesmo nome e sobre el a capela do santo que pon o topónimo correspondente ó monte.

O túnel que nos ocupa non parece ter sido moito máis longo do que se nos amosa na actualidade, aínda que dada a natureza do material no que está escavado supón un traballo laborioso e meritorio. Posto que a súa técnica constructiva indica que se escomenzou ó mesmo tempo polos dous lados, como se desprende das marcas de uso dos punteiros que trazan arcos paralelos cun radio equivalente ó alcance dos brazos do picapedreiro, atopándose as dúas labores nun punto intermedio pois, o tratarse dun traballo en material moi homoxéneo, o avance da obra foi parello dende as dúas vertentes.

Malia o que se cree sobre estes traballos antigos o emprego de picos como ferramenta principal queda en entredito (máis ben descartado) pois nin o espazo dispoñible, nin o tipo de “acabado” que se mostra é compatible co uso de este tipo de ferramenta, relegada polos punteiros e mazas, técnica empregada ata hoxe para abrir ocos. 
 Os picos utilizábanse para repicar as superficies e darlle un acabado rugoso que fixese posible a fixación de morteiros hidráulicos alí donde o material fose poroso, con fracturas ou irregular. Posto que o granito resulta un material impermeable e limpo polas súas propias características non foi preciso un tratamento superficial a maiores (ou este non se conserva). 
Como levamos comentando o material no que se fixo a excavación a que nos referimos é a pedra de grao que somentes amosa alguna falla ou fractura en lugares puntuais, pero que non ten traza de mineral algún o cal descarta a hipótese de que poidera tratarse dunha laboura mineira.
Como é habitual nos traballos romanos de perforación de tuneis conta a intervalos regulares de aproximadamente medio metro, con repisas escavadas na propia rocha para por as lámparas de aceite que servían de iluminación ós traballadores, homes que terían que ser destros pois a ubicación das luminarias está pensada para dar luz dende a dereita do canteiro. Estas pequenas oquedades aínda conservan os restos de fume das lucernas e incluso semellan manter algunhas indicios de alguna sustancia sen identificar e incluso de cerámica moi deteriorada. 
 A altura á que se dispoñen as repisas é homoxénea en cada unha das dúas liñas de traballo e somentes se interrompen no centro da excavación como consecuencia das rectificacións necesarias para dirixir o encontro entre os dous túneis xa que os tuneladores “fallaron” a súa traxectoria en dous ou cecais tres metros malia ser un traxecto relativamente curto en comparación con outros traballos deste tipo moito máis afinados. Moi posiblemente a derradeira fase de traballo se facía a “oído” mentres que os traballos de inicio contarían co concurso de topógrafos equipados cos aparellos propios da época.
Estimamos que a conducción á que pertencía o túnel sería na súa maior parte superficial bordeando a ladeira sendo as partes subterráneas ou aéreas excepcionais polo seu custe e complexidade técnica. Pero logo ¿por qué facer un túnel en lugar de bordear a ladeira?. Realmente somentes se nos ocurre que fose por un problema de estabilidade da parede rochosa, pois comprobamos como a pedra ten nesta zona fracturas naturais que poderían comprometer o funcionamento da conducción, aínda que tamén pudo ser un motivo de custe económico. 
Para avaliar esto teríamos que saber o custe na época de facer un percorrido exterior sobre repisa de máis ou menos 75 metros ou un túnel de 36 m. Ó non dispor de datos descoñecemos o aspecto da base que forma o chan do túnel (unha simple sondaxe disiparía dúbidas), non obstante parece que este ten unha pendente descendente de leste a oeste (é dicir en descenso cara a Laias). Esta deducción facémola tomando como referencia a liña que marca o nivel de inundación e que manten un nivel continuo no interior do túnel, determinando unha pendente con respecto o chan actual, que temos que lembrar está cuberto por depósitos de terra de potencia descoñecida, de aproximadamente 1´75 % (equivalente a 1˚ de inclinación). Esta pendente, aínda que é algo elevada para unha conducción de auga de gran caudal a gran distancia (por cuestión de continuidade de fluxo e erosión), é perfectamente asumible e entra dentro dos parámetros válidos para este tipo de obras. 
Como conclusión coidamos que A Cova da Moura é un túnel que formaría parte dun acueducto para conducción de auga e do cal na actualidade descoñecemos o seu punto de partida e o seu destino final. Non obstante posto que a pendente das traídas romanas adoita ser constante non sería especialmente complicado atopar o manancial de partida. A conducción iría totalmente pechada como é habitual nas obras romanas de este tipo.

Pola existencia dunha poboación (un suposto “poboado mineiro”) nas proximidades e de atoparse baixo o asentamente chamado “Castelo de Laias”, desaparecido a consecuencia construcción da autopista, este túnel ten sido interpretado como un aporte de caudal relacionado directamente coa actividade industrial /mineira (lavadeiros escavados na rocha), aínda que non nos parece que sexa acertada esta relación. 

Por unha parte a explotación mineira de ouro (de gran extensión) atópase á beira do Miño e polo tanto os “lavadeiros de terras” estarían por lóxica preto do curso fluvial (hai exemplos claros tanto augas arriba como augas abaixo da mina de Laias), por outra parte os restos dos supostos depósitos de lavado conservados e máis o que se desprende das fotografías existentes amosan por un lado un coidado traballo na execución das pías con “bicos” labrados en resalte e por outro unha falta de erosión tanto no fondo como nas beiras o cal descarta por completo un uso esixente e de gran poder erosivo como é o lavado de áreas e o traballo de pulverizado (supostamente por martelos de pedra) dos materiais, eso sen ter en conta que a mina de ouro é de tipo secundario e non precisa procesos complexos de tipo mecánico; de xeito que os lavadoiros de mineral ubicados entre o túnel e os restos do castro semellan máis ben instalacións de uso agrícola (lagares) que industrial ou mineiro, por iso o túnel pódese relacionar na nosa opinión máis ben coa achega de auga potable a unha poboación ou asentamento privado de certa entidade que co suministro dunha corrente de auga para empregar nos traballos mineiros.

 J.M. González de Carballo (arqueólogo).

jueves, 22 de septiembre de 2016

Un cura de San Andrés de Ervededo

Noticia publicada no semanario satírico "EL MOTÍN",de Madrid. Suplemento ó nº 4, 31 de xaneiro de 1889.



Fonte: Biblioteca Nacional (Madrid).

lunes, 18 de julio de 2016

A Ponte de Carrás. O Carballiño.

Unha das entradas máis importantes do Carballiño sempre foi a "Carretera de Ribadavia", que cruza o Río de Carrás (chamado tamén de Varón ou Barón, segundo os lugares polos que pasa) pola ponte feita ó mesmo tempo que a estrada. Non obstante aínda se conserva a Ponte de Carrás, obra antiga e de orixe descoñecido (cecáis medieval) que o "progreso" e máis a ignorancia sepultaron baixo toneladas de escombro e edificacións de dubidosa legalidade, esta ponte entraba no pobo polo "Cuartel Vello" e máis a casa "das Mosquera", bos edificios desaparecidos inexplicablemente hay poucos anos. Tanto a ponte coma a "fábrica de xabón" anexa, a levada dos Quirogas e a zona que se empregaba para lavar a roupa desapareceron e incluso o antigo esmoleiro que que recordaba unha morte tamén sufriu cambios a ata desapareceu unha tempada, hoxe volveu á estrada aínda que non ocupa o seu lugar orixinal.
Composición de lugar no ano 1956 ("Vuelo americano serie B").
Cruce da Carretera de Ribadavia coa de Ourense a Pontevedra ("A Porta do Sol", segundo decía a Carmen "das Virolas") cara a 1930. Á dereita a última casa era o Cuartel Vello.

domingo, 17 de julio de 2016

Privación de mejora que otorgó Dn. Juan Francisco de Prado. 26 de junio de 1811.

Documento gardado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, outorgado por Don Juan Francisco de Prado y Fuentes, abogado e veciño de Villarderrey no concello de Cenlle.
Nota proporcionada por D.Xosé Ricardo Rodríguez Pérez.